Voaxa e Carmín foi o espectáculo elixido por Eme2 para acompañar ás Festas de Ascensión en Santiago de Compostela este ano. Non tivera ocasión anteriormente de gozar deste espectáculo polo que foi a miña primeira toma de contacto. Tiña expectativas altas co espectáculo, xa que coñecía un pouco da actividade da dramaturga Esther F. Carrodeguas no que se refire a obra teatral propia e a prácticas performativas, e as actrices escollidas son dunha calidade notable.
O espectáculo é unha proposta invasora para o espectador, xa que en todo momento está en contacto visual coas actrices. Poucos minutos antes de que comece a obra temos ás actrices peiteándose e maquillándose en escena e dende ese momento non abandonaran a escena salvo en elipses fugaces. As dúas protagonistas son o único foco do espectador xa que a escenografía é moi simple. Unicamente acompaña a acción un deseño gráfico das diferentes rúas de Santiago que avanzará ó mesmo tempo que as protagonistas pola cidade. Poderíamos pensar que este traballo gráfico podería ser unha distracción para o espectador pero a súa composición a base de branco e negro xunto con trazos moi xeométricos e finos, consegue dar unha situación ambiental que non afecta gravemente a percepción do espectador.
O vestiario é unha colaboración importante no efecto de inmersión. As fortes tonalidades dos vestidos das famosas “Marías” xunto coa gran cantidade de maquillaxe e os peiteados esaxerados son esenciais para a composición. Todo isto tamén suxire que o espectador é un observador dunhas mulleres ás que lles gusta ter protagonismo en todo momento. A mirada do espectador é a mirada deses homes cos que coquetean. Tamén nun plano simbólico representa á propia estatua do paseo da alameda, pola posición sempre fixa, dende o punto de vista do que ve, de Coralia (esquerda) e Maruxa (dereita).
Ambas irmás loitan contra a realidade da mellor forma que saben, con moita “voaxa e carmín” e cun gran sorriso, tal e como prometeran os seus familiares. As dúas son representacións das desgrazas que trouxo a guerra e a persecución a que foron sometidos os republicanos tras a vitoria dos nacionais. A interpretación de Belén Constela (Maruxa) e Mabel Rivera (Coralia) é sensacional xa que imprimen o carácter que precisan estas figuras e vense realmente cómodas nos seus papeis.
Con respecto ó texto teño que dicir que Voaxa e Carmín é unha poética da cotidianeidade. A estructura completamente dialogal da obra caracterízase por un léxico coloquial e a reproducción de conversas cotiás cun grao importante de humor. Ese componente humorístico xorde duns diálogos moi áxiles e vertixinosos, nos que poderemos ver un gran número repeticións e solapamentos.
Título: Voaxa e Carmin
Autor: Esther F. Carrodeguas
Editorial: Difusora de artes e ideas
ISBN: 9788492958382
Nº de páxinas: 80 páxs
Prezo: 6 €
Ler o texto da obra é case unha obriga para o espectador. Publicado por Difusora de artes e ideas, esta edición reproduce o texto íntegro da obra de Esther F. Carrodeguas e presenta apuntamentos críticos de Patrice Corrons e un texto sobre as Marías de Encarna Otero, así como unhas notas da propia autora. Unha edición traballada e sobre a que podemos afondar no texto do espectáculo, gañador dos Premios Abrente 2015 na MITR, que é tan aparentemente sinxelo coma profundo.
En conclusión, Voaxa e Carmín é un espectáculo cun ritmo moi áxil, que busca e consegue o entretemento pero que non esquece unha postura moralista contra os crimes de guerra e o esquecemento da memoria histórica. Se buscan unha obra sobre a historia das Marías, neste espectáculo non a atoparán xa que ninguén ten ciencia certa da actividade e biografía destas personaxes, pero si terán a ocasión de ver a escuridade que se oculta tras tantas capas de voaxa e cores.
CRÍTICA DE ROI VIDAL PUBLICADA O 21/07/2016 NA REVISTA GALEGA DE TEATRO